Acerca de GV

- Óscar Corral
GV son iniciais con vida propia e independente, pois o proxecto GV creado e dirixido por Gonzalo Vázquez é un proxecto plural e interdiciplinar que constitúe xa toda unha “fábrica de elegancia”, na cal a moda é o eixo principal.
Para este mozo galego nacido en 1983, a moda, o seu “amor escuro”, acompáñao xa desde os 17 anos, combinándoa coa súa formación noutra das súas grandes paixóns, a literatura.
Licenciado en Filoloxía Galega [Universidade de Vigo], máster en Literatura Comparada [Universidade Santiago de Compostela] e cun posgrao en ‘Literatura, performance e artes visuais’ na Accademia Albertina della Belle Arti de Turín, Gonzalo Vázquez entende a moda como unha outra forma de expresión artística e comunicativa.
Non é raro, polo tanto, que a marca GV dese os primeiros pasos vinculada ás artes escénicas, xa que Gonzalo Vázquez vestiu dende 2005 as máis importantes produccións da música de Galicia. Ademais, foi seleccionado como un dos Novos Valores 2010 polo Museo de Pontevedra coa súa creación “Desexo intransitivo”, e formou parte de mostras de arte, individuais e colectivas, en Galicia e Italia.
En febreiro de 2011, abría o seu atelier de moda en Santiago de Compostela como o seu centro de gravidade de creación, para pouco máis tarde dar o salto ao pret-a-porter coa presentación da súa primeira colección e a apertura da tenda online, dinámica e exclusiva.
A liña estilistica de GV está baseada na contemporaneidade, na arte e na beleza urbana, mantendo a esencia da confección artesanal e coidando ao máximo os detalles e a calidade das prendas, pero apostando, sempre, por un estilo transgresor e moderno.